|
|
Conta con Elas financia a creación de cinco “Bancos do Tempo” en Vigo |
O Proxecto Conta con Elas adxudica á Federación Veciñal a posta en marcha de cinco secretarías de “Bancos do tempo” no concello de Vigo. O proxecto, nunha primeira fase, organizou o obradoiro de formación “Posta en marcha e mantemento de Bancos do Tempo” dirixido a representantes de asociacións de mulleres e asociacións veciñais da área de Vigo, que tivo lugar en febreiro.
Xa nesta segunda fase, Conta con Elas impulsa e financia a creación de cinco bancos do tempo na cidade de Vigo. Conta con Elas financia durante seis meses o funcionamento e cede o equipamento informático e material dos bancos do tempo. As sés que se crean están situadas, no ámbito urbano, na Federación Veciñal de Vigo “Eduardo Chao” e na Secretaría da Asociación Veciñal Fonte do Galo; no ámbito semiurbano, na Secretaría da Asociación Veciñal A Paz; e no ámbito rural, na Secretaría da Asociación Veciñal de Coruxo e na Secretaría da Asociación Veciñal O Freixo.
Os bancos do tempo son espazos concibidos para impulsar e favorecer os intercambios de tempos, traballos e servizos entre as persoas, apoiando a cooperación informal entre particulares nun determinado contorno urbano ou rural. O Proxecto Conta con Elas impulsará de xeito experimental a súa posta en marcha, entendendo os “bancos do tempo” como unha medida que favorecerá a conciliación da vida familiar, laboral e persoal dos homes e das mulleres. |
|
|