# NÚMERO 15  |  MARZO 2007  |   EDICIÓN WEB  |  VOLVER A PORTADA


""
 
Entrevista a Irma Álvarez, xefa do departamento de orientación do IES “Pedras Rubias”

Irma Álvarez é profesora da especialidade de psicoloxía e pedagoxía . O seu cargo é de Xefa do departamento de orientación, e como tal non imparte docencia directa ao alumnado, excepto para desenvolver plans e programas na hora presencial da titoría.

Como tedes enfocada a igualdade de oportunidades no IES "Pedras Rubias"?
A igualdade de oportunidades é un tema transversal e polo tanto recorre tódalas áreas curriculares e os departamentos didácticos. É tamén un obxectivo no Plano Anual de Centro. O departamento de orientación organiza dende o curso 2005-06 unhas xornadas que levan por título: Ciclo de Charlas " Día da Muller Traballadora". Destinadas ao alumnado de 3º e 4º ESO.
As charlas organízanse en Mesas Redondas ou Conferencias, nas que as mulleres de distintos campos profesionais e que ocupando postos de traballo tradicionalmente masculinizados, contan a súa experiencia laboral como mulleres. Esta actividade tivo gran aceptación entre o alumnado e o profesorado, aínda que temos que mellorar moitos aspectos referentes a implicación e coordinación do profesorado e tamén a avaliación do aprendido por parte do alumnado.

De que xeito traballades co alumnado?
O traballo dunha xefa de departamento de orientación baséase no deseño e desenvolvemento de Plans de Intervención, que xeralmente levan a cabo as profesoras e os profesores do centro. Dentro do Plan de orientación académico-profesional e como orientadora deste centro imparto unhas charlas ao alumnado de 3º e 4º curso de ESO acerca da elección e toma de decisións sobre o seu itinerario académico. O Proxecto Conta con Elas contribuíu positivamente co Obradoiro" Cambiando os Guións" e O "Bus da Igualdade" a sensibilizar e axudar ao alumnado a elixir libremente unha profesión e desterrar prexuízos sexistas.

Como foi a colaboración co proxecto Conta con Elas?
A min persoalmente paréceme un labor moi necesaria e un tema fundamental en educación. Dende o departamento de orientación estamos encantadas con esta experiencia.
A colaboración foi moi boa. As coordinadoras do proxecto colaboraron na organización das charlas "Día da Muller Traballadora" facilitando información de persoas que puideran vir ao instituto. A través de Conta con Elas contactamos con mulleres do noso contorno con profesións tradicionalmente masculinas ( albanela e canteira), que quixeron contar a súa experiencia laboral ao noso alumnado. Esperamos continuar con este proxecto o vindeiro curso. Agradeceríamos que o proxecto non se centrara unicamente en actividades para 3º e 4º de ESO, e se deseñaran actividades para 1º e 2º , tales como obradoiros, dinámicas de grupos etc...