|
|
Realidade socioeconómica do concello de Salceda de Caselas |
No período que vai entre 1996 e o 2001, o concello de Salceda de Caselas experimentou un forte crecemento nas súas taxas de actividade e ocupación debido ao aumento producido nas cifras de poboación, que se traduciu nun aumento da poboación maior de 16 anos, pero sobre todo nun aumento da poboación ocupada. Isto fixo que as taxas do concello se situasen por riba das taxas da Area Metropolitana de Vigo, Pontevedra e Galicia.
Na taxa de actividade por sexo pódese apreciar as diferenzas que hai entre a poboación masculina e feminina do concello. Así mentres que para as mulleres o número de inactivas e maior có de activas, para os homes pasa exactamente o contrario. Tamén se observa como a distribución da poboación inactiva nas diferentes categorías é distinta, tendo un peso moi importante para as mulleres os epígrafes de tarefas do fogar e xubiladas, mentres que para os homes eran os de xubilados e estudantes. Este feito é significativo dunha menor incorporación da muller ao mercado de traballo.
O número de persoas desempregadas do concello estivo variando, durante o período de xaneiro 2003 a xaneiro 2005, entre as 379 persoas en paro (setembro 2004) e os 454 (febreiro 2004). Ao final do período a cifra total de desemprego era un 11,17% maior que a de xaneiro do 2003, acadando unha cifra de 448 persoas desempregadas.
A taxa de ocupación no concello de Salceda, ao igual ca de actividade, experimentou unha suba no período 1996-2001. Así, mentres que en 1996 estaba situada na cifra do 36,86%, no 2001 pasou ao 49,59%, o que supuxo unha alza de 9,84 puntos porcentuais.
Isto fixo que a taxa de ocupación se afianzaran por riba das taxas da Area Metropolitana de Vigo, Pontevedra e Galicia, posto que o incremento das taxas de ocupación nestes territorios foi menor durante o período 1996-2001. Así, hoxe en día as taxas de actividade destes territorios están nos 46,66%, 45,65% e 44,33%, respectivamente.
A nivel de sexos a situación varía, posto que mentres que para os homes o nivel de ocupación está por riba do da Area Metropolitana de Vigo, Galicia e Pontevedra, para as mulleres a ocupación sitúase lixeiramente por baixo destes tres territorios.
Os datos e textos desta reportaxe son traballo do persoal da Unidade de Promoción e Desenvolvemento (UPD) da Mancomunidade de Vigo.
|
|
|